Teatro de ilusións. Aportación a xeito de artigo de Paz Raña en Praza.com

Así comezou a presentación de Paz Raña no Café de Catro a Catro, do meu libro monicreques.
http://praza.com/opinion/818/teatro-de-ilusions/

Teatro de ilusións

Que pasa cando un home atravesa o seu propio portal? Na película Como ser John Malkovich, un titiriteiro desenganado traballa de arquiveiro no andar 7 e medio nun edificio de Manhattan. Alí encontra un pasadizo que lle permite penetrar na pel do outro, ver o que o outro ve e sentir o que o outro sente, consciente da súa condición anfibia.
Nesta ficción, ao cabo de quince minutos de estadía na contradición de saberse el, o protagonista volve á realidade caendo nunha gabia preto da autopista de peaxe indo para Nova Jersey. Volver á realidade é unha sorte de retorno á tensión que regula a súa vida: o río do revés, lágrimas máis lágrimas e seis dedos para manexar marionetas.

image

Nas representacións dos titiriteiros, sexan estas ao aire libre, nos corrais ou nos mesóns, hai sempre unha presencia básica, a man experimentada do manipulador que sabe de armar espectáculos, mesmo sen monicrequeques entre bastidores.
Ocorre que, ás veces, o manipulador xoga a outorgar poder ao boneco facéndolle crer, nunha especie de entretemento de non compromiso, que é dono do seu destino. Puro teatro! Son os dedos colocados en distintas posicións (polgar-corazón, polgar-anular…) e os movementos que isto xera, os que acaban determinando a inocencia da princesa, o ritual de loita e morte do dragón ou, tamén, o desprazamento que se expande por debaixo do escenario.
En paralelo, no paralelo de todos, dende o cume da fantasía, o espectador pode supor que está de certo implicado no argumento e, con alento pueril, reivindique a súa complicidade, e berre, estremézase ou, sinxelamente… chore.
Bendito debate de aparencias, onde non hai sometemento a votacións. Acontece o que o narrador di o que ten que acontecer. Os imprevistos acaen multiplicados porque hai unha invitación ao mergullo na ficción. Existe a posibilidade de que o autor sexa só unha sinatura. Eu, non sabería que responder.
No vasto abano de titiritadas: sombras, fantoches, siluetas… hai un monicreque favorito que ten esencia de madeira de tilo, chapeu feito con papel e miga de pan. Foi tecido con agarimo pola man avellentada do autor, quen vendeu a chaqueta de pana para lle comprar o silabario, no desexo de perdurar e prevalecer. O monicreque vive nos camiños e susténtase coa inseguridade das cousas. Ten un accesorio elemental que medra coa mentira, pero dá igual porque foi construído para aceptar a palabra: coñecer. E… aí vai! Con ollos que non lle chegan para apreixar o mundo, paseando entre tentacións de raposos e gatos, coa protección sen límite que lle dá o amor do pai. Ten a mirada posta no arredor. Como puidemos pensar que é materia inanimada?
O títere cruzou a fronteira da imitación. A teoría de cordas revela que a gravidade que o ata ao mundo ten a forma e a forza dun lazo prometedoramente familiar. É humano.

About monicreques2011

Libro de poesía gañador da X edición do premio de poesía NGB.
Esta entrada foi publicada en críticas.. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s