Presentación de monicreques. na libraría Maraxe. 15/03/2013.

image

Deixei encargado aos monicreques que me fixeran campaña estes días que estou fóra. Pero non pensei que ían chegar a estes extremos. Venres 15 de marzo ás 20:30h. na Librería Maraxe de Cangas. Acompañado por Laura Blanco.

image

Recén chegado á casa, atópome revolucionado o ghaliñeiro, Ferrín demite da presidencia da RAG, Aymerich abandona o parlamento, xa temos outro Papa fascista, pero este del otro lado del charco, como está o mundo!!
Mandei aos monicreques quese foran xuntando na Librería Maraxe para a presentación de mañá, non vaia ser que caia un meteorito polos arredores. Venres 15 de marzo ás 20:30h. Na librería Maraxe acompañado por Laura Blanco http://axendaaelg.blogaliza.org/2013/03/14/cangas-presentacion-de-monicreques-de-xose-daniel-costas/

Publicado en presentacións. | Deixar un comentario

Presentación en Cangas. 15/03/2013

image

Coa resaca literaria de Compostela, preséntovos a miña próxima presentación de monicreques., nesta ocasión máis próxima á casa, en Cangas. O venres 15 de marzo ás 20:30h. na Librería Maraxe, onde acompañado de Laura Blanco Casás, colaboradora da blogue de información do Morrazo Xeado de Toxo, imos facer unha presentación máis próxima e reflexiva, os poemas poderemos masticalos e saborealos. Laura Blanco encargarase de adentrarnos no poemario e eu recitarei pasaxes do libro dunha escolla persoal dos monicreques. Partimos dunha máxima, prometemos deixarvos con ganas de máis, imos a ofrecervos un espectáculo, non unha tese doutoral sobre poesía nin literatura. Por certo o contaxio continúa, todos os que se achegan ao universo dos monicreques rematan monicrecados, coidado co virus que se espalla.Déixovos o enlace da crítica que a propia Laura fixo sobre o libro na blogue Xeado de Toxo. https://monicreques2011.wordpress.com/2013/02/05/un-xoguete-do-exhibicionista-poetico-de-xose-daniel-costas-curras-na-paxina-xeado-de-toxo-laura-blanco/ 

Publicado en novas., presentacións. | Deixar un comentario

Presentación en Couceiro, Santiago de Compostela. 02/03/2013

image

Esta mañá achegámonos até Comostela para presentar monicreques, fronte a libraría Couceiro, na rúa, na praza de cervantes. Xusto no intermedio dun músico co que chegamos ao acordo de que parara de tocar mentres irrumpíamos con poesía do libro, un ambiente para poucas florituras literarias, nin posibilidade de extenderse explicando nada do libro, Xabier Castro presentoume con telegráficas imaxes, e co mesmo ritmo púxenme a ler poemas do libro.
A poesía quere de explicar cousas, asi que fixemos lectura sobre as losas de Compostela, un dicir, aquí estamos resistindo no barullo e nas miradas da xente que paraba a escoitar un poema, e marchaba e viña outra xente. As única miradas fixas era as de Aurora e Sabela que me acompañaron dende Moaña e Ramón Blanco, Xabier Castro e os Couceiro, eles presenciaron o ritmo da ferruxe da praza, do mercado de libros, daquela muller que pasou diante miña e empañoume a tablet co bafo a cervexa, falando non sei que de Carrero Blanco, as monxas que prefiriron obserbar aos monicreques que o autofalante mecánico de explosión do poeta. Había sereas sen escamas producidas polo corpo derrubado dun yonqui contra unha porta dun comercio, os coches con pase especial para circular polo centro, Sabela que píaba por que falara do seu poema, e así Compostela tragou poema tras poema dos monicreques. Os libros queren berrar tamén, e para min hoxe foi a oportunidade de berrarlle a Compostela cousas bonitas, dende case o anonimato. Hoxe hai unha lousa na praza de cervantes que escoitou o meu poema e nunca marchará de alí.

image

image

Publicado en presentacións. | Deixar un comentario

Presentación 02/03/2013. Santiago de Compostela.

image

Xa tan só queda un día! Mañá sábado viaxaremos até Compostela ás 13:00h. para presentar monicreques., se estades pola zona, se queredes escoitar poesía na rúa ( se chove entraríamos na libraría Couceiro) achegádevos á Praza de Cervantes ao carón da libraría Couceiro, onde presentaremos o X Premio de poesía NCG. O teatro como expresión poética, a poesía a xeito de teatro, persoas que queren dicir quen son e non son. 

Publicado en presentacións. | Deixar un comentario

Manuscritos do libro monicreques. ( caderno da crítica de Ramón Nicolàs )

image

Dende un tempo a esta parte, no caderno da crítica, blogue do crítico Ramón Nicolás, temos acceso a unha serie de manuscritos de diferentes escritores e escritoras. Unha fiestra para obserbar a tecnoloxía dixital das nosas mans. Un labor extraordinario, que ben merece un monicrecado. Todo aquel que se acerca aos monicreques pode estar exposto a esta enfermidade caleidoscópica e estrema. Neste caso uns manuscritos da miña autoría, do meu libro monicreques.
http://cadernodacritica.blogaliza.org/2013/02/27/manuscrito-xose-daniel-costas-curras/

Publicado en novas. | 1 comentario

Presentación en Santiago de Compostela. 02/03/2013.

image

O sábado ás 13:00h. Estaremos na libraría Couceiro, praza de cervantes 6, en Santiago de Compostela. Presentaremos monicreques. cunha presentación a xeito de recital do poemario. Personaxes, escenas, como chegamos a eles, onde están, quenes perviven, son en verdade ou non? Un xogo poético que bebe do teatro para facerse poema. Ides a perder a oportunidade…

Publicado en presentacións. | Deixar un comentario

Presentación en Santiago de Compostela. 02/03/2013.

image

Este sábado 02 de marzo estaremos en Santiago de Compostela, na Libraría Couceiro ás 13:00h., presentando o meu libro monicreques. Se o tempo o permite, faremos a presentación-recital fóra, aproveitando a luz de compostela. Os monicreques xa están tomando posicións na Praza de Cervantes, estarán alá toda a semana preparando o evento. —

Publicado en novas., presentacións. | Deixar un comentario

Presentación en Bueu. 08/02/2013.

image

O venres 08 de febreiro presentarase o libro monicreques. de Xosé Daniel Costas Currás, libro gañador da X edición do prestixioso premio de poesía NCG. Será ás 20:00h. na sala Amalia Domínguez Búa, acompañado polos poetas, Lucía Novas e X.M.Millán Otero (autor do prólogo), así como  de Manuel A. Mosteiro.
Despois de presentalo no nevembro pasado en Moaña, ven de recorrer diferentes cidades e vilas de Galicia presentando o libro. Os monicreques. voltan a esta comarca, neste caso á vila de Bueu, un escenario fundamental no libro, xa que unha das escenas do libro céntrase na paisaxe atlántica da illa de Ons, e do traballo de fondo dun personaxe-monigote de luva, m.eugenia que se inspira na matrona María Eugenia Bolívar Sequeiros, ou xoga alomenos a ser ela, nunha farsa construída dende a literatura. Oito personaxes, a construción metapoética do instrumento dos monicreques, as escenas, como se constrúen os monifates, os monigotes, as sombras chinesas.  
Este monicreques está revestido dunha tonalidade diferente, extrema, intensa, certamente orixinal, un chisco lúdica, inconvencional…”  R.Nicolás.
Deste xeito esta singladura chega até Bueu, despois dunha xira na que aínda está mergullado, espallando un universo onde os monicreques toman a escena.
Ao final da presentación farase un recitado seleccionado do libro a varias voces escenificando unha lectura dramatizada dos monicreques.

Publicado en presentacións. | Deixar un comentario

Un xoguete do “exhibicionista poético” de Xosé Daniel Costas Currás. Na páxina Xeado de toxo. (Laura Blanco)

Este venres día 8 ás 20:00, na sala Amalia Domínguez Búa de Bueu terá lugar a presentación da obra de Xosé Daniel Costas Currás, monicreques., da man de Librería Miranda. Estará o autor acompañado de Lucía Novas Garrido e Manuel Antón Mosteiro García. monicreques. (Non é este un erro tipográfico, pois o título do poemario escríbese en minúsculas e cun punto final.) foi a obra que gañou, alá por decembro do ano 2011, o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, que non se editou ata once meses despois. Dotado con 12.000 euros e a publicación da obra na colección Arte de trobar, competiu Costas Currás con 71 orixinais presentados, número moi elevado en comparanza a edicións anteriores.
Pero este autor non é ningún descoñecido no panorama literario galego. Dende o ano 2008 recibiu unha serie de galardóns que van debuxando unha traxectoria moi interesante e que non fixo máis que comezar. Nese ano faise coa Mención de Honra do certame GZ Crea, por Revoluciona(me) e gaña o III Premio de Poesía Terras de Chamoso por O delicado cheiro de Aumaxab Marma. No 2009 fíxose co Eusebio Lorenzo Baleirón por Conservas, onde lembra a súa infancia en Meira; o ano seguinte gañou o Premio da Universidade de Vigo con Marés de xiz. O 2011 foi o ano no que obtivo o XII Díaz Jácome para novos creadores para despois facerse co Novacaixagalicia, o premio de maior dotación económica da nosa comunidade.

image

Monicreques é un poema escénico, un xogo. Non podía ser menos, estando asinado por “unha persoa á que lle apaixona o teatro”, aínda que busca outras perspectivas pero que, por riba de todo, é “un exhibicionista poético”, coma declara nunha entrevista publicada por Faro de Vigo a finais do pasado ano. Estamos ante un poemario que se esconde baixo un traxe dramático. A súa estructura é autenticamente novedosa, moi orixinal, unha mestura de poesía e teatro. Mentres les a obra, es quen de mirala e imaxinala físicamente, así coma pretendía o gran Castelao con Os vellos non deben de namorarse. Poesía e teatro xuntos, apostando por unha orixinalidade insólita nas nosas letras, que ben merece ser premiada. Coma comenta de maneira inmellorable Armando Requeixo no seu blog (Criticalia), estamos ante unha “mestizaxe xenérica” “unha viaxe tras das bambalinas, aos profundos das tremoias da escrita en parlamentos tantas veces metapoéticos e metateatrais”. O mesmo autor declara para La Opinión que dúas das súas paixóns son a poesía e o teatro e que o que fai é conxugar as dúas, manifestando tamén o seu gran interese polo teatro de monicreques.
Así é como todo tipo de monicreques discorren polas páxinas deste universo dramático cheo de amor, da memoria, de sexo, de illas, de arte, de literatura… Poucas palabras, pero con forza abondo para transmitir sentimentos que abrollan por calquera recanto, acompañados de imaxes con tintes surrealistas que resultan singulares e máxicas.
É unha obra cargada de citas literarias, pictóricas, musicais… en definitiva: artísticas. Comezando xa polos mesmos personaxes, Frida (Khalo), Diego (Rivera), Luís (Seoane), Anne (Sexton) e Manuel (María), coma ben identifica Requeixo. Uns personaxes que deambulan por fermosos lugares que conforman a paisaxe atlántica, que en ocasión convértese en protagonista dos poemas. “Teño 30 anos e intento que me lea a xente da miña idade. Por iso tamén teño que aportar outra cousa”. Esta é a súa orixinal achega ao panorama da poesía galega actual, imprescindible para os amantes do xénero.

Publicado en críticas., novas. | Deixar un comentario

Presentación Bueu. 08/02/2013.

image

Este venres 08 presentamos monicreques. en Bueu. Ás 20:00h na sala Amalia Domínguez Búa, da man de Librería Miranda Bueu, estarei eu acompañado por Lucía Novas Garrido e Manuel Antón Mosteiro García. 
Unha escena do libro ten á paisaxe da illa de Ons como protagonista e o monigote de luva que exerce de anfitriona da mesma é unha tal m. eugenia. Curiosamente unha muller chamada María Eugenia Bolívar Sequeiros, matrona (parteira) desempregou o seu oficio na vila de Bueu e na illa de Ons, dende o ano 1957 até o 1977. Todo canto aparece que poida semella a realidade non é tal, todo canto aqui se escribe é farsa, ou NON. Que diferencia a realidade da ficción? Quen vive no libro, o monicreque ou o pesonaxe? Anímovos a que vos mergulledes nesta visita poética ás illas e ao universo caleidoscópico do libro. 

Publicado en presentacións. | Deixar un comentario