Un xoguete do “exhibicionista poético” de Xosé Daniel Costas Currás. Na páxina Xeado de toxo. (Laura Blanco)

Este venres día 8 ás 20:00, na sala Amalia Domínguez Búa de Bueu terá lugar a presentación da obra de Xosé Daniel Costas Currás, monicreques., da man de Librería Miranda. Estará o autor acompañado de Lucía Novas Garrido e Manuel Antón Mosteiro García. monicreques. (Non é este un erro tipográfico, pois o título do poemario escríbese en minúsculas e cun punto final.) foi a obra que gañou, alá por decembro do ano 2011, o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, que non se editou ata once meses despois. Dotado con 12.000 euros e a publicación da obra na colección Arte de trobar, competiu Costas Currás con 71 orixinais presentados, número moi elevado en comparanza a edicións anteriores.
Pero este autor non é ningún descoñecido no panorama literario galego. Dende o ano 2008 recibiu unha serie de galardóns que van debuxando unha traxectoria moi interesante e que non fixo máis que comezar. Nese ano faise coa Mención de Honra do certame GZ Crea, por Revoluciona(me) e gaña o III Premio de Poesía Terras de Chamoso por O delicado cheiro de Aumaxab Marma. No 2009 fíxose co Eusebio Lorenzo Baleirón por Conservas, onde lembra a súa infancia en Meira; o ano seguinte gañou o Premio da Universidade de Vigo con Marés de xiz. O 2011 foi o ano no que obtivo o XII Díaz Jácome para novos creadores para despois facerse co Novacaixagalicia, o premio de maior dotación económica da nosa comunidade.

image

Monicreques é un poema escénico, un xogo. Non podía ser menos, estando asinado por “unha persoa á que lle apaixona o teatro”, aínda que busca outras perspectivas pero que, por riba de todo, é “un exhibicionista poético”, coma declara nunha entrevista publicada por Faro de Vigo a finais do pasado ano. Estamos ante un poemario que se esconde baixo un traxe dramático. A súa estructura é autenticamente novedosa, moi orixinal, unha mestura de poesía e teatro. Mentres les a obra, es quen de mirala e imaxinala físicamente, así coma pretendía o gran Castelao con Os vellos non deben de namorarse. Poesía e teatro xuntos, apostando por unha orixinalidade insólita nas nosas letras, que ben merece ser premiada. Coma comenta de maneira inmellorable Armando Requeixo no seu blog (Criticalia), estamos ante unha “mestizaxe xenérica” “unha viaxe tras das bambalinas, aos profundos das tremoias da escrita en parlamentos tantas veces metapoéticos e metateatrais”. O mesmo autor declara para La Opinión que dúas das súas paixóns son a poesía e o teatro e que o que fai é conxugar as dúas, manifestando tamén o seu gran interese polo teatro de monicreques.
Así é como todo tipo de monicreques discorren polas páxinas deste universo dramático cheo de amor, da memoria, de sexo, de illas, de arte, de literatura… Poucas palabras, pero con forza abondo para transmitir sentimentos que abrollan por calquera recanto, acompañados de imaxes con tintes surrealistas que resultan singulares e máxicas.
É unha obra cargada de citas literarias, pictóricas, musicais… en definitiva: artísticas. Comezando xa polos mesmos personaxes, Frida (Khalo), Diego (Rivera), Luís (Seoane), Anne (Sexton) e Manuel (María), coma ben identifica Requeixo. Uns personaxes que deambulan por fermosos lugares que conforman a paisaxe atlántica, que en ocasión convértese en protagonista dos poemas. “Teño 30 anos e intento que me lea a xente da miña idade. Por iso tamén teño que aportar outra cousa”. Esta é a súa orixinal achega ao panorama da poesía galega actual, imprescindible para os amantes do xénero.

About monicreques2011

Libro de poesía gañador da X edición do premio de poesía NGB.
Esta entrada foi publicada en críticas., novas.. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s